Saltar ao contido

Marín Turismo

Marín, un paraíso costeiro por descubrir nas Rías Baixas

En pleno corazón das Rías Baixas, rodeado de mar e tradición, atópase Marín, un destino que sorprende polas súas paisaxes naturais e a súa gastronomía. Aínda pouco masificado, este recuncho da provincia de Pontevedra é un dos secretos mellor gardados para facer turismo en Galicia.

Se estás pensando nunhas vacacións que mesturen praias espectaculares, roteiros de sendeirismo, cultura mariñeira e boa comida, segue lendo. Aquí contámosche porque Marín é o lugar perfecto para unha escapada inesquecible este verán nas Rías Baixas.

Praias cristalinas en plena Ría de Pontevedra

Unha das xoias de Marín son as súas praias, dende calas tranquilas ata areais amplos con todos os servizos, o litoral marinense é ideal tanto para familias como para os que buscan practicar deportes acuáticos ou desfrutar dun día relaxado na praia.

As praias de Portocelo e Mogor son as máis próximas ó centro urbano. Ambas destacan pola súa area fina, augas cristalinas e un ambiente familiar moi acolledor. Ademais, contan con bares e todos os servizos necesarios para pasar un día perfecto xunto o mar.

Para os que prefiren recunchos máis íntimos, as pequenas praias de Ribeiriña ou a coñecida como Praia dos Namorados son dous dos grandes segredos de Marín. O seu reducido tamaño convérteas en lugares moi tranquilos, ideais para desconectar en plena natureza.

Outra das praias máis especiais de Marín é O Santo, un areal con vistas privilexiadas ó impresionante Illote de San Clemente, tamén coñecida como Illa do Santo, á que poderás chegar camiñando a través do istmo que as conecta cando a marea está baixa. Ademais, esta praia diferenciase tamén polo seu bambán, onde poderás sentarte a observar como o sol se esconde detrás da illa que leva o mesmo nome.

En total, Marín conta con oito praias, moitas delas con Bandeira Azul, un recoñecemento que garante a súa calidade ambiental, a limpeza das súas augas e a excelencia dos seus servizos.

Natureza e sendeirismo con vistas únicas

Para os que desfrutan camiñando e explorando novos paraxes, Marín ofrece varias rutas que combinan mar, bosque y miradoiros impresionantes. A ruta de montes e praias é unha das máis completas para descubrir o municipio. Tamén podes visitar o Monte Penizas ou o miradoiro de Cotorredondo, dende onde se pode desfrutar dunhas vistas panorámicas espectaculares sobre a ría de Pontevedra e parte da costa de Galicia.

Cultura mariñeira, patrimonio e gastronomía

A identidade de Marín está profundamente ligada ó mar. O seu porto, é un dos máis importantes de Galicia, non só pola súa actividade pesqueira, senón tamén por ser sede da Escola Naval Militar, única en España.

O casco antigo está cheo de recunchos con encanto, como a Igrexa de Santa María do Porto, e durante todo o ano celébranse festas e tradicións como as Festas do Carme en xullo ou a romaría de San Miguel que levan ó municipio música e actividades culturais.

E por se fora pouco, en Marín, comer ben é case unha obrigación. Os produtos do mar son os verdadeiros protagonistas: polbo, navallas, mexillóns, zamburiñas… todo fresco e de calidade. Aquí atoparás dende tabernas tradicionais ata locais con propostas máis innovadoras.

Xa sexa para un fin de semana ou para pasar as túas vacacións, Marín é unha excelente opción dentro do turismo nas Rías Baixas. Natureza, cultura, gastronomía e autenticidade, todo isto convérteo nun destino para desfrutar sen presas. A que esperas para descubrir este recuncho único en Galicia?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Marín Turismo
Resumo de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.