Se estás buscando plans para este verán nas Rías Baixas, as Festas do Carme de Marín 2025 son unha cita imprescindible. Esta celebración, ligada á tradición mariñeira de Marín, vivirase do 10 ó 16 de xullo, enchendo o municipio de música, cultura e moita festa.
Descubre a programación das Festas do Carme de Marín 2025
Situada no corazón do Morrazo, nas Rías Baixas, Marín é unha vila moi ligada ó mar. A súa homenaxe á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros é unha das festas máis populares do verán en Galicia, onde non faltará unha programación completa e pensada para todos os públicos.
O xoves 10 de xullo será o arranque das festas, e dende ese día, Marín encherase demúsica tradicional con pasarrúas, concertos, orquestras e atraccións. Ademais, tamén se celebrará a esperada Batalla das Flores Nocturna, con animación e batucadas.
O venres, vivirase un dos momentos máis importantes: a lectura do pregón a cargo de Saljariteir@s. Ese mesmo día celebrarase a Festa do Viño IXP Ribeiras do Morrazo, unha cita que durará todo o fin de semana mentres que Marín se enche de música, orquestras e espectáculos, como o Festival Internacional de Baile Airiños de San Xulián.
Tras o fin de semana, o luns comezará a Mostra de Artesanía, que se prolongará ata o 20 de xullo. E o martes, en véspera de festivo, celebrarase o esperado concerto de Camela, un dos grandes atractivos musicais das festas.
O mércores 16 de xullo será a xornada máis intensa das festas, con pasarrúas, a ofrenda floral á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, e a tradicional procesión marítima no seu honor. E para pechar estas festas con broche de ouro, non faltará a gran tirada de fogos de artificio no Paseo Alcalde Blanco.
As Festas do Carme de Marín son unha combinación perfecta de tradición, cultura e celebración. Así que, se estabas pensando en visitar este municipio, aproveita agora para así desfrutar das súas praias, a súa gastronomía, a súa xente e as súas festas. Agardámoste!
