Coñece Marín
MARÍN A TODA VIDA
Descobre o corazón do Morrazo
Marín é a porta de entrada á Península do Morrazo, un enclave de gran importancia pesqueira, comercial e militar que bebe da ría e do rico rural. Co contraste entre o mar e a montaña, achegamos aos visitantes unha dualidade que namora. Por aquí pasaron os “castrexos” e a onda de Roma, pero non foi ata o século XII, da man dos monxes de Oseira, que o noso pobo espertou como San Xiao de Ancorados, un priorado que administraba as pesqueiras do lugar.
Desde entón fálase da Vila e Porto de Marín, conformado polas parroquias de Santa María do Porto, Seixo, Mogor, Ardán, O Campo, Santomé de Piñeiro e San Xulián. Con 24.154 habitantes (INE 2024), atopámonos a escasos quilómetros da cidade de Pontevedra, no corazón das famosas Rías Baixas. As nosas cálidas praias de area brancas e a súa cor turquesa fainos o destino perfecto para os amantes do mar, unha contorna privilexiada na nosa particular “Galifornia”. Queres descubrirnos?
IMPRESCINDIBLES
Non podes perderte
Se queres vivir a esencia de Marín, estes son os puntos de interese turístico que non poden faltar na túa aventura. Anótaos na túa viaxe!
Casco antigo
Mergúllate na vida mariñeira da vila percorrendo as súas rúas, casas de pescadores e corsarios, visitando o Museo do Mar, mesturándote cos mercantes da Praza de Abastos, refrescándote no Paseo Alcalde Blanco ou achegándote ata o gran porto.
Illote e praias do Santo e A Coviña
Temos moito mar en Marín, e ás veces é difícil escoller a que praia ir. Pero, se nos preguntan, diremos que unha das nosas favoritas é a do Santo: as súas augas tranquilas, a area fina e un illote con moita historia e vestixios por descubrir.
Lago de Castiñeiras
Neste remanso de paz atópase un dos bosques máis antigos de Galicia, e unha área recreativa ideal para ir en familia. Agradecerás a tranquilidade que se respira, unha paraxe custodiada por aves e cabalos en liberdade onde poderás iniciar o teu próximo roteiro.
O Megalitismo marinense
A Mámoa do Rei, preto do Lago de Castiñeiras, ou os petróglifos de Mogor, son a maior expresión da primeira arquitectura monumental da nosa vila hai 4.500 anos. Fai unha viaxe no tempo explorando a secretos da arte rupestre de Marín!
Sendeirismo nas alturas
A mellor maneira de gozar é andando. A nosa paisaxe esconde moitos matices con varios roteiros que podes facer. Un deles, o máis espectacular, é o Roteiro dos Cinco Miradoiros, o noso balcón particular á ría con vistas de infarto.
Festa Corsaria
Rememorar a historia permítenos coñecernos mellor, e a Festa Corsaria é, sen dúbida, un día grande para lembrar que en 1800 Marín venceu ás tropas inglesas na batalla de Aguete. Revive esa época entre concertos, piratas, talleres, exhibicións e mercados!