Se buscas un destino nas Rías Baixas, con experiencias únicas que non encontrarás en ningún outro lugar, Marín vaite sorprender. Aquí non só hai praias e bo marisco: tamén hai plans que combinan natureza, cultura e vida ó aire libre dunha forma moi especial. Contámosche tres cousas que só podes facer en Marín, perfectas para as túas vacacións de verán en Galicia.
1. Camiñar ata o Illote de San Clemente
Si, como soa. En Marín podes chegar andando a un illote. Trátase da Illa de San Clemente (tamén coñecida como Illa do Santo), un pequeno illote situado fronte á praia de O Santo. Cando baixa a marea, fórmase un istmo de area que permite cruzar a pé ata a illa.
Ademais, esta praia é unha das máis especiais do municipio. Ten un columpio con vistas ó mar e é un areal tranquilo e pouco masificado. Sen dúbida, un dos segredos mellor gardados de turismo en Marín.
2. Tocar instrumentos ó aire libre no Parque dos Sentidos
Moi cerca do centro urbano, a Finca de Briz (ou Parque dos Sentidos) é un parque cheo de encanto. Este espazo verde conta con zonas axardinadas, sendeiros, bancos e un rincón moi especial: un espazo con instrumentos musicais xigantes ó aire libre.
Trátase dun parque musical pensado para que tanto nenos como adultos poidan experimentas co son de forma libre e divertida. Xilófonos, tambores ou tubos de vento integrados en plena natureza.
3. Desfrutar dun asador homologado no Lago de Castiñeiras
En pleno Lago de Castiñeiras, un dos espazos naturais máis bonitos do entorno, atópase un dos poucos asadores públicos homologados de Galicia, que está permitido usardurante todo o ano.
Rodeado de árbores, con mesas de pedra e rutas de sendeirismo, o lago é ideal para pasar o día en familia ou con amigos. Podes levar a túa propia comida e preparar un asado en plena natureza, algo que na maioría de zonas recreativas de Galicia non está permitido fora do verán.
Estas son só tres das moitas cousas que fan de Marín un lugar especial dentro das Rías Baixas. Anímaste a descubrilo?
